Por unha política científica

Xosé R. Bustelo TRIBUNA

OPINIÓN

30 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu xa me fun de Galicia hai 25 anos e, aínda que o sistema científico mellorou moito dende aquela no noso país, este segue a ter problemas estruturais graves que seguen sen ser abordados: falta dunha política científica a longo prazo do Goberno, dispersión innecesaria de recursos en tres universidades, financiamento baseado na filosofía de «café para todos» e con programas bastante illados no que se favorece nos países máis punteiros cientificamente, unha política de carreira científica inexistente e, sobre todo, falta de investimentos para crear centros de investigación atractivos cunha ambición de competitividade a nivel internacional. Sen estes últimos, é difícil que Galicia poda atraer a científicos de alto nivel, posto que estes sempre escollerán centros de investigación atractivos tanto desde o punto de vista científico como de infraestruturas tecnolóxicas, independentemente do país onde se radiquen. Ao menos desde a miña perspectiva, isto é o que fixo que tras investigar nos EE.UU. fose a outro sitio de España en vez de volver para Galicia. E, aínda agora, sinto dicir que coido difícil que o de volver ao noso país sexa unha opción se me decidise a cambiar de sitio. En todo caso, tampouco coido que a prioridade sexa o de atraer a todos os científicos galegos, o que hai que buscar é crear un ecosistema científico que faga atractivo o noso país a bos científicos, independentemente da súa nacionalidade.

Creo que habería que saber que perspectivas queremos para as próximas xeracións e o futuro que devezamos para o noso país. Neste senso, é unha mágoa ver que non só os da nosa xeración, senón tamén as máis recentes seguen a ter este problema. E é tamén descorazonador ver que non hai no estamento político ningún plan para solventalo. O único bo de isto é que en ciencia e I+D nunca é tarde para facer cousas: é cuestión de establecer políticas estables e ambiciosas que, ademais, tampouco son economicamente onerosas.

Algúns preguntarán: si, todo isto está ben, pero de onde saen os cartiños? Eu coido que todo é simplemente unha cousa de prioridades. Se tes unha casa e poucos cartos, igual decides mercar un quentador en vez de redecorar o salón das visitas. Os países funcionan igual. Estamos a gastar aquí en triplicar infraestruturas por localismos difíciles de entender desde fóra e, para maior inri, investimos nunha Cidade da Cultura catatónica sen obxectivos claros. Só co que custou esta última teríamos para pagar non un, senón media ducia de centros de investigación competitivos.

É curioso tamén que algunhas grandes fortunas invistan en iniciativas científicas fóra de Galicia mentres que, no noso país, o Goberno só os convenza para mercar aparatos para os hospitais, en vez de investir en obxectivos ambiciosos a longo prazo.

E non hai que esquecer que os cataláns, tan afeccionados eles aos cálculos económicos, xa hai tempo que viron que por cada euro de financiamento investido en investigación e desenvolvemento retornan un mínimo de dous euros de beneficio.