Con isto das eleccións, a min pásame algo moi semellante ao que vivo despois dunha Fin de Ano: paso o aninovo, o día 1, totalmente desorientada, coma se non soubese que facer. Igual é que as rúas están desertas, e o balbordo habitual desapareceu dos meus oídos e tamén do mundo.
Así que, despois de que os candidatos dos partidos máis votados celebrasen cadansúa vitoria (non entendo que poida haber tantas celebracións xuntas)... que? O día despois, que? E este ano, máis ca nunca! Porque non lle queda claro a ninguén quen vai gobernar o país. Hai moitas cores mesturadas, e todo apunta a que resultará un arco da vella. Que se queda tan bonito coma cando loce o sol despois da chuvia... non hai queixa. Por iso é moi importante o día 2, e o 3... e todos os que quedan por vir, que van ser realmente os que nos digan que é o que vai pasar. Para saber cara a onde imos, debemos comezar a camiñar. E desta vez, máis ca nunca, permanecemos expectantes ante os primeiros pasos, pois descoñecemos cara onde vai o rumbo.
Así como pedía que os votantes escoitasen aos candidatos, agora gustaríame que os candidatos se escoiten entre eles, porque é a única maneira de que se poida manter unha conversa. E tamén é o momento de que se volva a situación á inversa, é dicir, que os líderes políticos escoiten á sociedade, que falou, e falou máis ca nunca, xa que a participación cidadá aumentou. Datos para usar os miolos temos. Todos.
Agora só nos queda iso, o día 2 e vindeiros, os da verdadeira reflexión.