O voto delegado

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

20 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pensei que era unha anécdota, pero a pouco que empecei a viaxar pola Rede, ese espazo da realidade que tece e destece seguido, decateime de que a cousa ten mais significación da que inicialmente imaxinaba, sobre todo entre a xente nova. Fálase do voto rogado, que disque os partidos hoxe maioritarios están dispostos a revisar (aínda que non o fixeron antes): o voto exterior que cómpre solicitar previamente para poder exercelo. A miña amiga Paula, dende Buenos Ares, botou case que tres semanas entre papelorios e trámites de acá para ala. Era a primeira vez que votaba e non quería deixalo pasar. O voto exterior que no conxunto de España chegou nalgúns momentos a case dous millóns de persoas, caeu espectacularmente nas últimas convocatorias, logo das restricións que o «voto rogado» impuxo aos electores. No caso galego a cifra é importante: arredor de 437.000 censados con dereito a voto, que representan un 16 % de electores residentes no estranxeiro, enredados estes días na complexidade dos tramites para o exercicio electoral. Máis do 50 % do censo de localidades como Avión, Bande ou Gomesende, por citar os casos máis espectaculares (por riba do 58 %), reside fóra de Galicia. Ata hai pouco un de cada tres deses censados votaba. A día de hoxe esa porcentaxe seica diminuíu ao 1,3 %, coa protesta dos afectados, que se senten parte do proxecto do país, ainda que residan fóra das nosas fronteiras. O debate segue aberto e a demanda deste dereito segue sen resolver. Mais agora xurde outra novidade: as novas xeracións que nos últimos anos, por razóns laborais se vén obrigadas a residir lonxe da Terra, reclaman o dereito a participar nunhas eleccións que (os novos sobre todo, repito) están a vivir moi intensamente. O censo electoral interno minguou en Galicia nos últimos catro anos en 41.000 persoas. O electorado residente no extranxeiro, pola contra, ascendeu nese mesmo período en 58.000. Un dato para a reflexión, que ten que ver coa realidade laboral e demográfica, aos que hai que engadir os que non están censados porque non tiveron tempo ou ocasión de facelo. Non queren quedar fóra. Esta é a novidade. Para vencer esa eiva, xurde espontáneamente na Rede unha nova fórmula que non sei se existe noutras latitudes, pero que entre nós empeza a ser cada vez máis manifesta: o voto delegado. Xente nova que, consciente dos seus dereitos e da utilidade do exercicio electoral, están a solicitar a través da Internet, onde xa hai varios portais abertos ao respecto, a solidariedade doutras persoas que non teñen o voto decidido, ou que tiñan pensado absterse, pero que hoxe seica están dispostas a votar polos que están fóra e no poden facelo. Non hai cifras. Pero cada vez son máis. E sobre todo son novos, repito, o que cotradí certo discurso derrotista segundo o cal a mocidade (neste caso a mocidade máis culta, consciente e preparada) non cre no sistema e se inhibe, ás veces como sinal de protesta, ás veces por desinterese. Decididamente, os tempos están mudando. Na miña opinión, para mellor.