Sempre dixen que as campañas electorais se me facían excesivamente longas. Quizais porque me aburrían os discursos de sempre, contando o mesmo, facendo promesas sen explicarme como ían chegar a cumprilas. Palabras, estas si, que eu sabía que fuxirían coma vendavais.
Pola contra, este ano leveino moi ben. Non sei se é porque a diversidade de propostas fixo todo máis ameno, ou por outro motivo, que é deixar de escoitar certo tipo de noticias, xa que os candidatos políticos ocupan a maior parte das páxinas e minutos dos distintos soportes informativos. Apenas sei nada da Pantoja, que entra e sae do cárcere a pracer, nin da súa filla paseando amores e desamores. Créanme, para min é un alivio. Seica algo pasou tamén con Bárcenas, que anda a provocar á cidadanía coa súa actitude arrogante, pero perdín o fío da historia entre os datos das enquisas e as chamadas aos indecisos.
Un apunte: se hai tanto votante que non sabe que papeleta introducir na urna... por algo será, non? Pénseno, políticos, pénseno ben.
Ao que ía, que o fastío de ver as noticias lévoo un chisco mellor, aínda que hai algún tema que segue martelando a diario, para que non esquezamos, de ningún xeito, que está aí. Continúan en aumento as mulleres asasinadas. É imprescindible a paz para nós. Nin sequera os ecos da campaña electoral silencian os crimes. E así debe ser.
As campañas debían ser distintas. Fóra o virtual. Fóra pedestais. Baixen á rúa.
Mentres a realidade non o inunde todo, as miñas campañas aínda son outras. Como as de recollida de alimentos, roupa, ou agasallos para os nenos, tan frecuentes neste Nadal.