Reconstituíntes

Xavier Vence TRIBUNA

OPINIÓN

15 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin constituíntes nin destituíntes, as novas cortes ameazan con ser reconstituíntes. Nin a ruptura nin unha reforma constitucional transformadora parecen estar no horizonte das forzas que disputan a nivel de Estado a conformación de maiorías. Desde Madrid apáganse as ínfulas rupturistas e visibilízanse os resultados do «gran pacto de Estado» para recompoñer o caduco sistema bipartidista estatal, cuxa crise mesmo poñía en perigo a supervivencia do modelo de estado pola desafección da maioría da poboación.

Algúns queren ver na fulgurante irrupción inducida de Podemos e Ciudadanos a posibilidade dunha mudanza anovadora no sistema político español, que racharía o bipartidismo e aportaría certo cromatismo de nova política. Certo que o xogo é novo, outra cousa é canto de novo haberá para a mudanza das políticas ou do modelo de estado. Lonxe soan xa -aínda que foran onte mesmo- eses vibrantes discursos de sectores ilusionados con Podemos, que mesmo tentaron ou tentan colocar o discurso da posíbel apertura dun proceso constituínte. Infortunadamente, creo que o panorama que se debuxa a escasos días das eleccións xerais non é ese senón máis ben o contrario. A medida que se achegan constátase que hai espellismos que poden resultar útiles para abrirse un oco no panorama mediático pero poden desembocar en frustración en moi pouco tempo.

Ciudadanos parece engordar no caldo de cultivo do discurso liberal-centralista da dereita antipolítica e antipúblico, e Podemos parece chegar a sectores da esquerda desencantada e sectores proclives ao federalismo. Atendendo á dialéctica creada e ás propostas que están a lanzar as forzas estatais, todo apunta a un reforzamento do status quo ou, acaso, unha ameaza de involución no caso de que se impoña unha combinación PP-Ciudadanos.

Ciudadanos radicaliza o discurso centralista e Podemos rompe o voto soberanista para empaquetalo dentro da súa fórmula democrático-federal, debilitando o polo soberanista en Cataluña, Valencia e Galiza, e reforzando o polo centralista -neste caso de centralismo amábel e respectuoso-. De cumprírense os augurios, a nova lexislatura podería ser reconstituínte, no sentido que pode alimentar e traer novos bríos para o proceso involucionista, recentralizador e desregulador que está en marcha desde que Aznar o lanzara con forza a comezos do século.

Os dous novos partidos promovidos desde os platós no último ano veñen tapar as regandixas dun decrépito bipartidismo PP-PSOE, pero non para incorporar mudanzas de fondo no modelo social ou no modelo de Estado, senón para consolidalo, con novas doses de vitaminas reconstituíntes.

Para toda esa inmensa parte da cidadanía que agardaba que a profunda crise económica e institucional, co evidente fracaso deste modelo de Estado, puidera abrir as portas a un proceso de mudanzas profundas, tal desenlace lampedusiano acabaría provocando unha profunda frustración.

Obviamente, todas as persoas e forzas políticas que queremos unha mudanza real da correlación de forzas non podemos aceptar ese escenario que intentan debuxar desde arriba e desde o Estado central. O seu reconstituínte deixa a Galiza nos ósos. Desde logo, os que queremos que Galiza resoe potente nas Cortes non imos picar, como tampouco van picar nas tres nacións.

Fronte a ese panorama telecociñado, NÓS-Candidatura Galega representa o programa político que reúne a defensa dos dereitos e conquistas sociais históricas, o cuestionamento do poder dos lobbys, a defensa dos intereses concretos da maioría social do noso pobo, a defensa do dereito a decidir e a implantación dunha democracia de calidade. Con NÓS a voz de Galiza e da mudanza social estará garantida.

Xavier Vence é o portavoz nacional do BNG.