As candidatas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En canto unha muller beirea o poder nun partido político, case todos se delatan co típico medo machista ao empoderamento das mulleres: Pablo Iglesias co noxento apelativo como «menina» a Soraya Sáenz; Pedro Sánchez coa estraña relación con Susana Díaz; esa sensación de que as candidatas de Ciudadanos deben pasar un casting de chicas guapas de tan perfectas (considerando perfección unha mestura entre muller de éxito, maquillaxe perfecta, espabilación e talla 38). A política galeguista non queda atrás, quizais por unha tradición que xa vén dos anos 30, cando os próceres do noso nacionalismo encetaron o discutible costume de pórlles difícil ás mulleres o acceso a postos de responsabilidade. Quizais o que teñen de galeguistas as Mareas, á falta dun verdadeiro compromiso nacionalista con Galicia, é xustamente esa tendencia macha de facer política, agresiva, algo trileira, altiva. E, por último, malia presentar tres candidatas como número un en catro provincias, Nós Candidatura Galega optou claramente pola visibilización do seu único candidato varón.

Na semana que queda de aburrida e consabida campaña electoral, estaría ben ver unha verdadeira revolución das candidatas. Que deixen a humildade a un lado. Que se destapen e se desmelenen. Que loiten contra os seus propios partidos para demostrarnos que dar poder ás mulleres é un xesto de máis intelixencia, máis igualdade e máis liberdade. Porque, curiosamente, o suposto cambio político que semellan liderar aqueles que, aínda séndoo, non queren parecer partidos políticos, non incluíu a discriminación positiva para paliar os anos de discriminación negativa contra as mulleres na política.