Paula

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

26 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na túa carta, dende Ribeira, prometías que ías ganar a batalla. Publicouse o sábado 21 de novembro. Titulábase: «Maldito cáncer». Poucas veces un testemuño tan emotivo percorreu as páxinas dun periódico. Era como plantar unha bandeira en medio deste país: a palabra esperanza escrita en fondo azul, claro como o ceo de xuño, acariñándonos. Empezaches o combate, Paula, vai facer un ano. Tiñas vintesete. El, a quen despediches na túa carta, contaba sesenta e cinco. Dicías que era só unha cuestión de mala sorte. Dicías que ti mais el aceptastes a quimioterapia con humor. Que durante meses ganastes o partido. Eu creo que ti segues ganando. E el, a quen despediches o sábado, tamén o ganou: porque aproveitou cada día sabendo que podía ser o último. En dúas liñas ofreces a mellor lección de vida que se pode expresar, cantar, proclamar en medio da noite para que todos poidamos coñecela: cada día pode ser o último. Pasamos por esta vida dándolle importancia a todo o que carece de importancia. Pasamos como robots programados para alcanzar obxectivos tanxibles, unha posición social respectable, éxito. E esquecemos o fundamental: vivir cada día como se fose o último. Paula, permíteme que publique este alento. Para ti. É un abrazo compartido por todos os cómplices que en cada contraportada de xoves congregamos o candor da túa bandeira: a esperanza. Escribo estas letras altas, izadas en voces de alegría sobre a brancura dunha pomba que voa a Ribeira. Vas ganar a batalla, Paula. Porque agora mesmo, dende este recanto, miles de ollos están fortificando os teus. Abrazándote, abrazándote. Repetindo que vas ganar a batalla. A túa batalla por vivir. Como se cada día fose o último, Paula.