Pintar de cores

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Iso de pintar de cores é algo que moitas veces me chamou a atención. Cando alguén quere reformar unha casa, mellorala, cambiala, limpala... pinta as paredes. De cores, ou en branco, a elección depende de moitos factores. Pero moitas veces é o primeiro paso para todos os seguintes máis.

Hai estudos que aseguran que nas épocas de crise se produce un incremento nas vendas das barras de pintar os beizos, en concreto, nas de cor vermello. Cando as cousas van mal, para axudarnos por dentro, seica comezamos por acicalarnos por fóra. Creo que un pouco vai na persoa, pois hai quen antes de caer nunha fonda depresión, o primeiro que abandona é o coidado físico.

Logo está a mente. Cando queremos relaxala, pensamos no verde do campo, no azul do ceo ou do mar, na negrura da noite salpicada de estrelas... Case todas cores neutras, sen mesturar, tranquilas.

Con todo, o máis recorrente é querer deixar a mente en branco, para que a paz e tranquilidade da cor nos inunde por completo. Nesta época tan convulsa na que os países que facían gala de manter o control están sumidos no caos, a cor branca sería unha gran axuda. Asóciase á paz: unha pomba branca, ou unha bandeira da mesma cor. Pintemos de branco os nosos países, ata tal punto de que as fronteiras, que ás veces se volven un perigo, non se distingan. Quen sabe, a unidade pode ser posible.

En Galicia comezamos polo alto do Cebreiro, coas primeiras nevadas da época. Mágoa que o branco que precisamos ten que ser outro, e non vai caer do ceo.