Dous fallos e un acerto

Miguel Anxo Bastos Boubeta LIÑA ABERTA

OPINIÓN

23 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador militar israelí Martin van Creveld escribiu hai algúns anos un moi intelixente libro (The rise and fall of the state) sobre a incapacidade dos Estados modernos para lidar coas novas formas de guerra, moi en especial co terrorismo. Súa tese é que os Estados están preparados para combater a outros Estados, pero non para combater as novas violencias paraestatais do tipo do terrorismo islamista. Facendo bo a Van Creveld, as actuacións levadas a cabo por Hollande adáptanse perfectamente ao tipo de respostas que el prevía que ía levar adiante un Estado do tipo do francés a unha situación como a actual, todas elas erradas, salvo unha, e polo tanto incapaces de rematar co problema. A proba é que se seguiu exactamente o mesmo esquema que se adoptou tras os atentados de xaneiro no semanario Charlie Hebdo.

Como en xaneiro, o primeiro que se pretendeu foi cambiar as leis, agora incluso a Constitución, na liña de dar máis poderes ao Estado e seus corpos de seguridade para incrementar seus poderes de vixilancia e de actuación, limitando incluso a tutela xudicial. E unha resposta típica do Estado na liña de que se seguiu nos Estados Unidos coa Patriot Act, pois dá a imaxe de que o Goberno está a facer algo, pero que polo menos no caso francés non parece ter servido de moito. E non serviu de moito porque lle deu á sociedade a sensación dunha falsa seguridade e como tal estaba completamente desprevida. Se hai risco de atentado a poboación debe sabelo, debe estar alerta e atenta e debe asumir unhas medidas mínimas de precaución. Lembremos o caso do terrorista que cun zapato explosivo pretendía derrubar un avión en voo. Foi a alerta doutros pasaxeiros a que o impediu. O paternalismo estatal de ocultar a realidade por se a poboación se alarma pode facer máis mal que ben.

Como en xaneiro, tamén se decidiu combater o terrorismo con intervencións militares pensadas para combater contra realidades estatais, non contra entes case gaseosos coma o Estado Islámico. A primeira reacción foi intensificar os bombardeos e chamar a accións conxuntas con outros países para derrotar militarmente ao EI. Este tipo de medidas, aparte de escenificar diante da opinión pública determinación e vontade de represalias, son sen embargo de dubidosa eficacia. Primeiro porque os terroristas xa están infiltrados en territorio europeo, e a súa capacidade de danar seguirá sendo moi parecida. Segundo porque aínda en caso de derrotar ao EI no seu territorio é moi probable que seus combatentes se dean rapidamente á fuga (coma no caso de Iraq e Afganistán) e se reorganicen nalgún outro sitio da zona, contribuíndo a súa desestabilización. E terceiro porque o EI non é máis que unha das cabezas do monstro yihadista, e nin sequera a máis mortífera, pois tal dubidoso mérito corresponde ao nixeriano Boko Haram. Como estamos a observar en Mali calquera das franquicias do movemento, como Ansar al Dina, AQMI ou o Frente Moro de Mindanao, poden tomar o relevo e atacar a Francia ou seus aliados en case calquera sitio. O combate contra o terrorismo ten que ser sempre local, máis policial que militar, baseado nos servizos de intelixencia e a colaboración cidadá, atacando o seu financiamento e sobre todo usando a propaganda e a persuasión. Este é un combate de ideas e as ideas combátense con outras ideas mellores.

De aí que o grande acerto de Hollande teña sido o de non chamar ao odio. Existe a teoría, moi probable, de que o obxectivo principal destes ataques sexa o de exacerbar as tensións en Francia entre os musulmáns e o resto da poboación, creando a semente dunha guerra civil entre ambos. Os musulmáns franceses son a poboación musulmá máis laica do mundo e integrala no movemento yihadista podería ser o maior dos éxitos na estratexia do terror. Evitalo sería tamén un dos principais logros de Hollande.