Viaxei a Estados Unidos no primeiro avión que saíu de Madrid para aquelas terras tres días despois do atentado das Torres Xemelgas. Comprometérame a acudir a un congreso e tiña contratadas intervencións en varias universidades os días seguintes. Decidín non cancelar porque pensei que un atentado daquel calibre non ía repetirse en breve e porque me interesaba coñecer a reacción dos americanos ante algo inédito para eles.
O aeroporto de Atlanta, un dos de maior tráfico do país, impresionaba: corredores e salas de espera baleiros. A reacción da xente foi similar á que despois observei en Europa. Unha parte da poboación, sobre todo a vinculada ás universidades, preguntábase a responsabilidade da nación no que sucedera: «¿Que fixemos mal?». A maioría, pola contra, tivo reaccións nacionalistas: lazos amarelos e o Proud to be an American por todas partes. E medo: mesas libres nos restaurantes, e museos e monumentos case baleiros. Como a maioría dos invitados cancelaran as súas citas, os estudantes mirábanme como a unha heroína que ademais fose profeta: pedían a miña opinión sobre cal debía ser a súa actitude. Díxenlles que se os terroristas conseguían cambiar o modo de vida da xente, conseguirían o seu propósito. Sigo pensando o mesmo.
Madrid, tras o accidente de Atocha, non parecía un deserto. París si. Iso é o maior triunfo para os terroristas. O medo e o desexo de conseguir unha seguridade total pode levar a Francia a perder a súa identidade, condensada no lema revolucionario: liberdade, igualdade, fraternidade. Oxalá non sexa así.