As mortas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

14 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo o 7 de novembro unha manifestación cualificada como «histórica» contra as violencias machistas e, cando nin sequera se cumpriu unha semana da marcha, xa van outras cinco mulleres asasinadas ás mans daqueles que dixeron querelas un día. Efectivamente, a manifestación é unha forma de visibilizar un mal que ten múltiples facianas nunha sociedade que no fondo é tremendamente permisiva, como demostra unha enquisa recente na que case a metade dos homes sinalou que non interviría se presenciase unha agresión machista. Pero eu comezo a crer que manifestarse xa non abonda aquí onde esta loita se considera «cousa de feministas» (as feministas, xa se sabe, somos malas) e aquí onde, ademais, aínda non fixemos ese exercicio imprescindíbel de pórlle á violencia machista caras distintas das deses homes desquiciados, a miúdo de baixo nivel económico, que semellan vivir nunha dimensión paralela, a da España ignorante que antes ou despois desaparecerá.

Cómpre xa un exercicio de destape. Destapemos os intelectuais que son machistas e violentos. Destapemos as prácticas de anulación agresiva das mulleres nos partidos políticos. Se sabemos de escritores que maltrataron fisicamente ás súas parellas, cineastas que anularon en público ás súas mulleres, pintores que abusaron sexualmente das súas modelos, grandes académicos que vetaron a presenza de mulleres en espazos de proxección intelectual, ¿por que non o dicimos? Eu avogo por unha manifestación invisíbel pero audíbel, a da fin deste silencio que demostra que somos unha sociedade machistamente amedrentada.