Tras o peche da campaña electoral, as rúas e prazas de cidades como Madrid e Barcelona apareceron cubertas de carteis e publicacións que non puideran ser repartidas. Gastárase moito e os máis dos partidos empezaron a endebedarse para sempre. O cálculo de escanos fíxose pola lei D?Hont, que favorecía a formación de grandes partidos e era utilizada en varios países europeos. O 15 de xuño de 1977 acudimos ás urnas 18.590.130 homes e mulleres maiores de 21 anos, o 78,83 % dos censados. A UCD era unha coalición de partidos sen militancia e nin sequera puido aportar interventores a todas as mesas electorais, pero gañou por maioría simple, con 165 deputados, seguida do PSOE, con 118. Os grandes derrotados foron o PCE, con 20; AP, con 18 e o PSP, con 6. Malia os temores de Osorio, a UCD obtivo 106 escanos no Senado, seguida do PSOE, con 48. Non houbo incidentes graves. Só 15 explosións de bombas, sen vítimas, e outras tantas desactivadas. Falouse máis das anécdotas: o paisano que quixo votar ao Rei en Betanzos, ou os varios electores que, en distintos puntos de España, tentaron dar o seu voto a Franco. O Rei, cunha prerrogativa herdada de Franco, nomeou a 41 senadores, relevantes na política, na cultura e no empresariado.