A lexislatura da desfeita

Olaia Fernández Davila EL DEBATE

OPINIÓN

01 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A forzada alegría de Rajoy amosada nunha entrevista en TVE para aparentar que todo vai ben, e a crise está superada, é a viva imaxe da falsa negación dunha lexislatura dura, asfixiante, irrespirábel e destrutora de dereitos conqueridos ao longo de décadas de traballo político, social, sindical e civil. É a expresión de quen pretende pór unha máscara grotesca a un mandato a golpe de real decreto. É o Goberno dos recortes, do demencial encarecemento da vida da xente mentres a empobrecía en idéntica proporción por unha reforma laboral que baixou os salarios, abaratou o despedimento e trouxo condicións de escravitude no valor traballo.

Foi a lexislatura do taxazo na Xustiza, da suba do IVE, da conxelación das pensións, dos copagamentos en sanidade, da redución das bolsas de estudo, da LOMCE, da reaccionaria lei mordaza, da eliminación das caixas de aforros, dos desafiuzamentos non resoltos, da suspensión da Lei de Dependencia, da pobreza enerxética e da inasumíbel suba da luz. Foi a lexislatura da falla de diálogo e de vontade política para asumir con talante democrático o dereito dos pobos a decidir sobre o seu futuro.

Foi a lexislatura que nos fixo retroceder 40 anos e nos impediu avanzar. A lexislatura dos sacrificios para os de sempre mentres o 1 % máis rico atesouraba riqueza.

O saldo para Galiza foi aínda peor porque tomamos dúas cuncas. Ás nefastas políticas de Rajoy temos que sumar a desfeita practicada sobre os nosos sectores produtivos. O lácteo, que encheu as rúas para protestar polos baixos prezos do leite. O do cerco mobilizándose porque xa non ten que pescar. O naval, que volta ás rúas porque non ten carga de traballo.

Os galegos e galegas continuamos circulando por unha autoestrada (AP-9) carísima, mal xestionada, sen programa de descontos e que xa debería ser gratuíta e estar transferida á Xunta. Foi a lexislatura do inxusto asañamento de Facenda cos emigrantes retornados, da estafa das preferentes, do Eixo Atlántico sen ERTMS que excluíu a Ferrol, do AVE a Ourense paralizado, dunha A-8 case sempre pechada pola néboa, da redución de servizos ferroviarios, do abandono da rede ferroviaria interior e do cercanías inexistente. Foi a lexislatura do tráxico sinistro do Alvia sen comisión de investigación por máis que o BNG e as vítimas o pedísemos insistentemente.

Foi a lexislatura da toponimia deturpada cuxa última versión nos ofreceu o pontevedrés Rajoy co malsoante «Órdenes», «un pueblo de la provincia de La Coruña».

A todo isto, e a outras moitas problemáticas, se dedicou o BNG no Congreso. Cunha infinidade de iniciativas parlamentares, emendas a leis, intervencións en pleno baixo un Goberno totalitario de maioría absoluta. Pero este mal paso hai que vencelo. É importante para Galiza que o nacionalismo galego continúe esta andaina, pero aumentando as forzas actuais. Novos tempos son chegados nos que se debaterá moito sobre as nacións sen Estado e o modelo territorial. Galiza ten identidade nacional e non pode quedar relegada a irmán pobre. Non somos de segunda. Sentémonos en primeira fila a reivindicar o noso como galegos mediante a unión das forzas. Mediante unha candidatura galega propia co obxecto de conquerir un grupo parlamentar non dependente de formacións con sede en Madrid. Non precisamos procurar nada fóra. Só se precisa vontade, xenerosidade e altruísmo.