A rebeldía, hoxe, consiste en ausentarse do ciclón do presente: as modas. Cruzarte de brazos e contemplar o paso dos días deitado sobre a nube da indolencia, non aparecer, declararte un desaparecido para as ofertas que o marketing da actualidade nos ofrece: o mellor coche, a mellor experiencia turística, o mellor lapis de labios, a mellor zona residencial, o mellor refresco con sabor a olvido. Tamén nos ofrecen, algúns, a garantía de que elas e eles serán mellores administradores que os anteriores. Estamos domesticados pola corrección política imperante. O incorrecto, realmente, é non ser correcto. Distanciarse. Escapar por un túnel que ao final garde o espello de Alicia: para vivir noutro mundo menos domesticado que este en que vivimos. Sentimos en diferido. Queremos vivir a vida que outros viven, non a nosa. Mirámonos no espello para ver as virtudes e heroicidades que non son as nosas. Todos levamos un heroe dentro, seino. Aínda que non o pareza, cada un de nós ten un Ulises capaz de vencer todas as dificultades que a miúdo a viaxe nos presenta. Gocemos máis desa viaxe. Neguémonos a que nos domestiquen. Fagamos dos sentimentos, os bos sentimentos, un lugar común ao que acudir cada día. Alcemos a bandeira do verbo dar, que rima con amar, en lugar de recibir. Quen é capaz de entregarse aos outros non está domesticado. Quen se aferra ás causas xustas, por humildes que sexan, garda no seu interior as fazañas máis intrépidas. Quen quere residir no optimismo, pese a tanto, pon o seu gran de area para que este mundo sexa un mundo mellor. Non te domestiques. Que non te domestiquen. Debes ser ti mesmo. A rebeldía, hoxe, consiste en ausentarse do ciclón do presente: as modas.