O 24 de maio empezou a campaña para unhas eleccións das que sairían os deputados e senadores que farían a Constitución. España encheuse de carteis da UCD coa foto de Suárez e a lenda: La vía segura a la democracia; do PSOE, coa de Felipe e a mensaxe La libertad está en tu mano e outros grandes, preciosos, cheos de cor, do ilustrador José Ramón Sánchez, que presentaban unha España idílica.
Carrillo contou con artistas como Víctor Manuel, Ana Belén, Rosa León, Bardem, Juan Diego... Tamén a actriz Melina Mercouri veu apoialo. AP presentou carteis con Fraga ofrecendo un partido forte, con ideas claras, e en TV Arias Navarro pediu o voto nun momento histórico delicadísimo, que cualificou de «prerrevolucionario». A Democracia Cristiá presentaba a Ruiz-Giménez, o PSP a Tierno Galván, Convergencia a Pujol, PNV a Juan Ajuriaguerra, e así ata 200 partidos, 22 estatais. Mentres os mitins do PSOE, PCE e AP enchían os estadios, os da UCD facíanse sen xente. Ante o acordo da esquerda para votar os mesmos senadores, Osorio propuxo a Suárez pactar con AP. Engadiu que Torcuato pensaba coma el. Suárez negouse e díxolle que non se preocupase, porque as eleccións íanse decidir na TV. Acertou.