Actrices en pé de guerra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Como me gusta que as actrices se levanten en pé de guerra. Que se unan para denunciar o mal funcionamento da realidade da súa industria. Gústame porque non só piden o mesmo salario ca os homes, tamén que se revisen os contidos dos guións. As mulleres (dáme vergoña ter que escribilo, dada a obviedade) podemos falar de infinidade de temas sen ser dos homes. É a mesma atrocidade que supor que eles só falan de fútbol, coches e tías. Pero os varóns si aparecen en papeis de científicos, pais, empresarios, docentes, heroes... e falan do que toca en cada momento.

Por iso, ¡bravo por elas! Por unírense nesta reivindicación. E o mellor de todo: fano en Hollywood e tamén aquí, onde temos as que se atreven a denunciar que as retocan para amosar a súa imaxe nas revistas. Si. Esas son as mulleres da realidade.

Un paso importante, aínda que non o máis. As actrices teñen o recoñecemento do público e algo moi importante: visibilidade. Será máis sinxelo que a sociedade abra os ollos con xente coma elas. Pero non se poñan excesivamente contentos, porque as mulleres que máis necesitan do cambio son as que non se ven. Érguense cada mañá para traballar, posiblemente desempeñando o mesmo posto ca algún compañeiro varón, e cobran relativamente menos. Quizais teñan máis cargas familiares, pero non diminúen o seu rendemento. Claro que escoitalas a elas é un pouco máis complicado... ou se cadra non. Deberiamos berrar todas a un tempo... e o planeta enxordecería, mudo por un instante, espido ante a evidencia.