Sangue frío


No Congreso pola Paz organizado a finais do verán de 1966 pola Unión de Escritores da URSS en Bakú, ás beiras do Caspio, o poeta Yevgeny Yevtushenko, un dos oradores destacados do evento, comezou a súa intervención recoñecendo que sempre desexara poder ler algún dos seus poemas no inmenso pavillón que acubillaba aos 15.000 escritores indios, árabes, africanos ou indonesios que asistían ao congreso (ao parecer, e comprensiblemente dada a data, non convidaran a ningún autor chino). Para, de seguido, ler un seu poema que escribira «contra o aplauso». Cando rematou a súa lectura, o público irrompeu cun prolongado aplauso, que foi recibido por Yevtushenko «con absoluto sangue frío». Desta simpática anécdota dá conta un dos poucos escritores procedentes da Europa occidental que asistira ao congreso, Hans Magnus Enzensberger, no fermoso libro no que recolle as súas lembranzas daquela revolta época (Tumulto). Unha excelente metáfora que evidencia o difícil que resulta interpretar os aplausos cando se apela, a través da palabra poética, aos sentimentos.

Co mesmo sangue frío, o ex líder sindical grego Trifon Alexiadis, actualmente viceministro grego encargado da Administración tributaria no novo Goberno da esquerda radical grega de Alexis Tsipras, acaba de recoñecer no diario alemán Bild Zeitung que é incapaz de loitar contra a fraude fiscal en Grecia. Un fracaso que pode ter graves consecuencias, porque a capacidade de cumprir cos seus orzamentos e con Europa descansa en boa medida no éxito na loita contra a fraude fiscal. Alexiadis afirma que «a forma en que actúa o señor Schäuble contra a evasión é un ideal para nosoutros»; e que «precisamos ideas e precisamos as ferramentas coas que contan os funcionarios do fisco alemán». A petición de axuda non deixa de ser paradoxal: durante as duras negociacións do último rescate grego, o rescate que están Tsipras e Alexiadis a aplicar con entusiasmo estes mesmos días, o propio Schäuble ofrecera a Grecia a cooperación de funcionarios e inspectores alemáns de tributos; que foran rexeitados polos dirixentes de Syriza, que a súa vez vían entón no ministro alemán de finanzas a reencarnación do invasor nazi na segunda guerra mundial.

Non estaba frío o sangue, máis ben parecía que lles fervía, aos portavoces da esquerda radical galega no debate do Estado da Autonomía que rematou o pasado venres. Acusaron(nos) aos membros da maioría democraticamente elixida, de ser «lacaios do nazi Schäuble» (sic), e meros «transmisores das ordes dos sátrapas do cuarto Reich»; e albiscaron nas rúas frontes levantadas e fouces que matan lobos a piques de chegar.

Yevgeny Yevtushenko aínda vive. No ano 1989 foi elexido deputado do Soviet Supremo da URSS. O poeta oficial da Rusia de Kruschev (o do zapato sobre o escano na ONU), tras apoiar sucesivamente a Gorbachov e a Yeltsin, chegou en 1991 á cidade de Tulsa, no Estado de Oklahoma, nos EE.?UU. Ese mesmo ano, Azerbaián independizouse do imperio soviético, fixando en Bakú a súa capital. Na actualidade segue a residir en Tulsa, onde imparte as materias de poesía rusa e europea e a de historia do cine mundial na Universidade de Tulsa e na City University de Nova York. A día de hoxe, non hai constancia de que o señor Schäuble aceptase a petición do señor Alexiadis. Algúns (seguramente malpensados), poden pensar que aínda ten algo requeimado o sangue polas cousas que lle tivo que aguantar a algúns dos conmilitóns do actual viceministro grego de Facenda. Pero como é democrata-cristián non se descarta que en vez de facer mal sangue decida non facer máis sangue, e poñerase a botar unha man. En Galicia tamén teremos que agardar, para ver se os nosos conveciños manteñen o sangue frío, ou se botan a aplaudir o radicalismo de certos poetas, como no Congreso pola Paz de Bakú, en 1966. Pero me atrevo a intuír, visto o visto, e ouvido ou ouvido no Parlamento de Galicia ao longo desta última semana, que o sangue non vai chegar o río.

Pedro Puy é Portavoz do PP no Parlamento de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Sangue frío