Cheque bebé

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non serei eu quen diga que non se agradece calquera tipo de axuda para criar un pícaro, non. Todo o contrario. Uns euros ao mes ben veñen, pero si é certo que me gustaría outro tipo de cheque bebé, e non porque este non me chegue nin para pagar a mensualidade de catro horas nunha gardaría municipal.

Se nos poñemos a falar de políticas sociais e incentivo da natalidade, a axuda que eu quero é unha que combata a incompatibilidade da vida laboral e familiar. Pero quizais, para comezar, deberiamos frear e facer minguar o paro, neste caso en concreto, o da xente moza. Se deixamos que os nosos cerebros (cos correspondentes corpos) emigren... ¿quen vai repoboar Galicia? ¿Quen, se non están aquí? Xa non viven nesta patria. Hai incluso quen non se sente da terra, son do mundo.

Ese si sería un bo golpe á mellora dos índices de natalidade. Poder vivir na casa e ter posibilidade de facer familia nela. Teñan por seguro que moitos dos que se lanzan á aventura de ser pais fano pechando os ollos, confiando en que o futuro provirá ben, e que os pais e avós axudarán ás novas vidas. Moi inxusto, e moi egoísta tamén. Cando os maiores poden gozar da súa tranquilidade, aparecen os netos a roubarlles todas as horas.

Compatibilicemos horarios, por favor. Fagan que os pais cheguen para dar a cea e ler un conto, que os nenos vaian a cama sen medo e con bicos. Controlen que os soldos sexan xustos e dean para vivir. Cambio iso polo cheque.