Martín

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Nas aldeas coñecémonos todos. Dá igual se nunca chegaches a establecer a túa residencia fixa nelas, e só ías os longos veráns da infancia. Xa eras un pouco de alí. En Lires, que é o meu lugar, ata os turistas que repiten veraneo ao longo dos anos son un pouco veciños. Sabemos cando se fan avós, cando teñen un problema, e eles preocúpanse dos lumes do monte e das colleitas das leiras.

Por iso mesmo, todos somos un pouco Martín, ese rapaz que non tivo nunca unha vida fácil, pero que todos queriamos. Martín, de sorriso amplo e sincero. O neno que medrou axiña porque as circunstancias lle obrigaron.

E agora, o mozo que posiblemente se sentía só. Pero tiña (e ten) amais da familia, toda a aldea con el, buscándoo, pedindo axuda, preguntándose a voces e en silencio onde estará, como estará. Preocupados.

A incerteza acaba coa tranquilidade de todos. O descoñecemento é unha couza que vai minando a esperanza e abrindo as portas da ansiedade e preocupación, ata o extremo máximo.

Ninguén sabe nada, nin viu nada. Non hai achega de datos. Os seus teléfonos están apagados, as máis das veces. Un algún día deu sinal, que non resposta. O enigma, polo tanto, é maior aínda.

Nin pegadas do coche.

Chegados a este punto, por onde buscar? Como facelo? Cal é o camiño a seguir? Quen pode axudar e guiar? Conta a familia cos medios necesarios, recibe toda a axuda posible?

Confío en que si, e en que, aínda que non o conten á sociedade, se estea a levar unha investigación con garantías. Porque é necesaria.