Foron unhas eleccións plebiscitarias para todos, para os independentistas foron a única solución para votar na lóxica do que chamaron dereito a decidir, para os grandes partidos estatais foron a expresión do desconcerto porque chegaron aquí sen enterarse de onde ían e acabaron aceptando os eixos de debate e os marcos electorais definidos polos partidarios da independencia. Como aconteceu? seguen a preguntarse no PP e no PSOE. Pensaron que o de Cataluña era un problema dos cataláns, un asunto de CDC-ERC ou, no máximo reducionismo, da tolemia de Artur Mas. O problema tíñao Cataluña e o Estado tiña que ser firme e lembrar ou ameazar coa lei, había días. Escoitando a súa dialéctica excluínte e cabreada moito lembrei ao Castelao de «os separatistas son eles». Pouco novo baixo o sol. Sen embargo, tanto novo e tan diferente de 1916 en Irlanda, de 1934 en España ou de 1975, pois onte fixo corenta anos do fusilamento de cinco rapaces condenados en catro farsas de xuízos. Aprender a discrepar parece que fomos aprendendo.
O baile de Iceta foi máis que un síntoma destas eleccións, tornou o dramatismo en desenfado e a rixidez en dinamismo. Encaixaba mellor coa alegría ilusionante e desbordante dos de Junt pel Sí e da CUP, propia de quen propón o nacemento dunha nación ao mundo. Ao cabo todos acabaron bailando: a grave seriedade de Podemos rematou en chanzas e no baile final de J. Herrera, Ciutadáns sempre se presentou con espido desenfado e os dirixentes do PP pasaron de falar catalán en círculos reducidos a contarllo ao mundo en plasma para intentar bailarlles a auga a uns votantes aos que non lograron asustar.
Cunha participación amplísima, do 76 %, Cataluña falou sen sorpresas. Un bloque do Si con maioría absoluta de escanos formará un Goberno pola independencia fronte a un coro de partidos cun PP que fica marxinal. Nunca tanto e tan ben se discutiron uns programas electorais que foron simples e de máximos na lóxica que impuxeron as forzas independentistas: dúas candidaturas polo Si e tres polo Non, movéndose da unidade e grandeza de España ao desconcerto. A independencia logrou o 48 % dos votos pero a CUP dixo con bo siso que só o 50 % permitiría declarala xa. Os do Non sumaron pouco máis do 40 % e os de Pablo Iglesias, con case o 9 %, apoian o dereito a decidir. As vindeiras xerais terán como eixo a política e ábrese un tempo novo para a organización deste Estado que é plurinacional. Catalunya ha dit.