O valor da confianza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

27 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O s nosos avós gardaban os cartos na pedra do curral. Os poucos cartos que tiñan, que a súa economía era daquela máis ben en especie. Cando xuntaban algo e había excedentes (os cartos da emigración, por exemplo), o principal investimento facíano en terras: liberar o foro, ou mercar unha leira. A memoria antiga da riqueza concretábase basicamente na posesión da terra. Así era na sociedade (e na mentalidade) agraria tradicional. Logo veu o diñeiro. Non digamos o crédito e os cheques. A circulación do diñeiro fundaméntase nun pacto, nunha convención aceptada que dá valor a un papel (un recibo). E co diñeiro apareceron os bancos.

Ata hai dous días os nosos paisanos ían aos bancos (a cobrar a pensión, a contar os aforros, a calcular os propios investimentos) coma quen vai ao médico. Era unha cuestión de confianza. O director ou directora da sucursal atendía os clientes coma nun ambulatorio, e os paisanos fíabanse. O profesional da banca era o seu conselleiro e, en moitos casos, o seu confidente. Coñecíanse todos. Non por casualidade Galicia dispoñía ata hai pouco (e se cadra aínda é así) da meirande rede de oficinas bancarias a pé de obra do todo o Estado, non sei se mesmo de Europa. Non hai cabeceira de comarca, concentración de aldeas, sen varias entidades bancarias.

A principal catástrofe das preferentes (esa estafa xigantesca, en moitos casos aínda impune) foi a creba da confianza. ¿De quen nos fiamos? Creba de confianza nas persoas e creba de confianza nas institucións, o que por extensión significa tamén creba de confianza no sistema. A esencia do pacto rómpese. Repito: ¿De quen nos fiamos? ¿Quen nos garanta que o médico que nos atende opera ou receita pensando na nosa saúde e non no beneficio ou rendibilidade do sistema, controlado cada vez máis polos xerentes do negocio privatizado? ¿E as pensións? Lembro unha frase que o meu avó repetía seguido cando aconsellaba aos seus netos que, na medida do posible, nos fixésemos funcionarios. «O Estado endexamais dá en quebra», repetía. Quixera saber que pensaría el hoxe.

O escándalo da Volkswagen vén de dinamitar outro dos principios que parecían inamovibles e que no fondo (agora se demostra) fundamentábase tamén nunha cuestión de fe. Os alemáns son serios, sólidos e fiables, coma os seus automóbiles. Había que escoitar os emigrantes que regresaban de Europa nos anos setenta. Daqueles si que nos podíamos fiar. En certa medida a nosa incorporación á UE alicerzou nesa cuestión de fe, que explica en parte a resignación case que submisa con que aceptamos austeridades e sacrificios. Todo o contrario dos latinos, que non somos de fiar. A perda de credibilidade dos políticos (todos no mesmo caldeiro) hai que explicala igualmente neste contexto. O capital manda. As grandes corporacións transnacionais controlan sen escrúpulos a economía ao servizo dos seus intereses particulares. ¿Quen as controla a elas? Os parlamentos, despositarios da soberanía, preséntanse como espazos retóricos con escasa ou nula capacidade de decisión. Tal é o cáncer que nos ameaza.