Luar

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:42 h.

Aparte de ser o nome dun famoso programa da TVG, luar é, segundo o dicionario da Real Academia Galega, «a luz do Sol reflectida pola Lúa, que ilumina a Terra durante a noite». Esa luz é moi pouca: só chega a ser, como moito, medio millón de veces menos intensa que a que recibimos directamente do Sol. Malia iso, o excepcional ollo humano é capaz de adaptarse e ver nas noites de lúa chea.

Ese ollo verá esta noite un luar diferente. Nos momentos iniciais da eclipse verá a silueta da Terra recortada sobre a Lúa. Grazas a iso, os antigos gregos confirmaron que a Terra é redonda e, ademais, notaron que a súa sombra é 2,5 veces maior que a da Lúa. Con ese dato, no século III a. C. calcularon o tamaño da Lúa e a súa distancia a nós. O que non foron capaces de comprender foi por que non acaba desaparecendo da nosa vista coa eclipse, nin tampouco por que nese momento a vemos dunha cor distinta.

A resposta está na atmosfera terrestre. Esa fina capa de gas que nos envolve fai que as diferentes cores que contén a luz solar se desvíen da liña recta. A cor vermella é das que menos se desvía, e iso é dabondo como para entrar na zona de sombra e iluminar a Lúa con esa tonalidade. Dende alí, un astronauta vería o noso planeta rodeado dunha pequena coroa de cor parecida á dun solpor. Todo un espectáculo, que se vería unha vez ao mes se non fose porque o plano no que orbita a Lúa está desviado 5 graos do da órbita terrestre. Sen esa desviación, cada lúa nova crearía unha eclipse de Sol e, dúas semanas máis tarde, teríamos unha eclipse de Lúa.