Os mellores

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

22 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Que pouco me gustan esas listas nas que se elixen aos mellores do mundo, aos mellores da década, aos mellores da clase... Estes días, coa vitoria da selección española de baloncesto sobre a francesa, comezou a especularse que deportista debera levar o título de mellor da historia.

De verdade que gocei e sufrín a partes iguais co partido. Foi emocionante, e os xogadores amosaron un espírito de esforzo, traballo e equipo incribles. Pau Gasol, con todo, destacou nos seus valores. De aí que o seu nome comezase a encabezar as suposicións de ser o mellor deportista español da historia. Como isto é algo difícil de medir, e sempre acaba sendo en parte subxectivo, axiña houbo quen defendeu outros nomes, que non me parecen nada desacertados, como é o caso de Rafa Nadal.

Ningún dos dous, curiosamente, é futbolista. Porque, señores, créanme, existen máis deportes ca o que denominamos o rei. Aínda así, hai moitas disciplinas e deportistas que non teñen o recoñecemento que deberan. Eu sempre me lembro de Javi Gómez Noya, e máis aínda hoxe, que vén de conseguir en Chicago o quinto título mundial.

Recordo cando os médicos lle desaconsellaban seguir competindo. Vai daquela uns cantos anos, e desde entón, seguino con máis interese. Hai detalles que che fan mirar con outros ollos á xente. O seu sacrificio parecíame excepcional, e segue a mantelo. Por iso, mírese cos ollos que se mire, estou convencida de que o nome de Javi Gómez Noya debera aparecer entre o dos mellores deportistas da historia.