A candidatura galega e a reforma constitucional

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

22 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sabemos se estamos a piques dun proceso de ruptura política, pero hai poucas dúbidas de que haberá unha reforma constitucional despois das eleccións de decembro. Todo parece indicar que o resultado das eleccións catalás non mudará moito o arco de poderes no Parlament máis que para desprazar ao PP a unha posición marxinal e situar a Ciutadans como parella para un posible pacto en decembro, tal como Jaime Miquel interpretou neste xornal a sondaxe do CIS. Teñan ou non maioría suficiente as forzas que queren declarar a independencia de Cataluña, tampouco hai moitas dúbidas de que despois do domingo a maioría dos partidos estatais e todos os nacionalistas van situar a reformulación do Estado das autonomías como un eixo da campaña para as xerais. O sentido desa reformulación é unha incógnita, pero de producirse partirá de certo da actual Constitución de 1978, que xa no artigo 2.º menciona de xeito diferenciado ás nacionalidades e ás rexións e que marca vías diferenciadas de acceso á autonomía, singularizadas na transitoria segunda que só cumprían Cataluña, Galicia e País Vasco porque eran as únicas que «no pasado tivesen plebiscitado afirmativamente proxectos de Estatuto de autonomía». «Pasado» que facía mención ao innominado réxime republicano.

Todo é interpretable. Curiosamente o Estatuto vasco non acadara en Álava o 50 % dos votos requiridos no referendo de novembro de 1933, polo que a Constitución recoñeceu de feito non xa o Estatuto republicano non plebiscitado, senón o Goberno Vasco aprobado polas Cortes republicanas xa en plena guerra civil. Aquelas lexitimidades do pasado recoñecidas foron non obstante perturbadas na tramitación do Estatuto andaluz e axiña na LOHAPA, que deseñou o chamado «café para todos» autonómico despois do golpe de Estado de 1981. Agora, no 2015, as novas circunstancias políticas levarán a quen pretenda unha solución dende o Estado -están levando xa- a retomar a lóxica orixinal da lei de leis española como vía de solución, para seguir indo da lei á lei como quixo don Torcuato. Alén deses futuribles, se algo fica claro da historia autonómica española que arrinca coa Mancomunitat de Cataluña en 1914 é que é na aspiración social de autogobernarse, representada en forzas políticas propias, onde radica a capacidade para establecer formas máis amplas de autogoberno.

A Iniciativa pola Unión e o Encontro pola Marea Galega seguen sen achegar definitivamente posicións, sen que o común dos mortais nos demos enterado moi ben das razóns. Tampouco os partidos que darían soporte necesario a esa confluencia de iniciativas cidadás parecen dar os pasos necesarios. Ambos procesos, confluencia das plataformas e apoio dos partidos, serían imprescindibles para que se producira un movemento cidadán de apoio a candidaturas unitarias, anovadas en programas e persoas, que favorecera a extensión do éxito das mareas. Sen iso non se daría o entusiasmo para un importante apoio dos votantes. Só dúas candidaturas diferentes na presentación pero similares na base social pelexando entre si por lograr algún deputado. A estas alturas e despois do trunfo de Tsipras en Grecia xa se sabe que non hai nada máis revolucionario que unha boa reforma a fondo.