Domadores

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Salvaxe, agresiva e ferinte. Como se as nubes fosen pólvora e o sol unha bala. Parece que piedade é unha palabra desaparecida e o consolo só pode buscarse na oficina de obxectos perdidos, ou nas urxencias, onde en lugar de curar hai seres privilexiados que exercen a súa profesión médica regalando esperanza. Digo que ás veces a realidade semella a xungla perfecta. Parece que non hai misericordia. Os impíos e crueis e canallas convértense nos donos do mundo. Non o creas. Son só animalias que ti podes vencer. Por iso apelo hoxe a esa clase de xente, domadores, capaces de meter a cabeza na boca do león. Admiro aos domadores neste tempo de domados: resignados, derrotados, impotentes. Precisamos máis que nunca domadores para sobrevivir. Sen medo. Espidos no asfalto dos días fronte ao andazo do desencanto. Non é unha figura retórica. O desencanto pode tocarse, mirarse. Pronuncias o seu nome en calquera lugar e o desencanto aparece. Precisamos domadores, insisto. Un batallón de intrépidos con látigos de tenrura nas mans, que acariñen, abracen, sexan capaces de restituír a alegría e armar gaiolas inexpugnables no circo da miseria e dos miserables. Domadores que aplaquen o rigor dos tigres e leopardos das actualidades. Tigres e leopardos de uñas nucleares, bélicas, pérfidas e criminais. Parece que perdemos de vista o corazón, o entusiasmo, eses lirios que nos fan humanos e mellores. Parece que ganaron o presente unha santa compaña de voraces aves de rapina. Necesitamos domadores que instalen o paraíso no medio da selva. Esta. A nosa. A mesma da que queremos escapar cada xoves para non dar un paso atrás. Necesitamos domadores que levanten, como en urxencias, o edén da esperanza.