Ultimamente, as cotas das que máis escoitaba falar é daquelas que, nun plano ou mapa, indican a altitude á que se atopa un punto. Pero por desgraza, o termo cota está a soar estes días, e moito, non por ese motivo.
Busco no dicionario da RAG o termo, e ningunha das tres acepcións se relaciona coa altura. As cotas que ocupan a atención do país estes días relaciónanse con motivos ben diferentes: o leite e os refuxiados.
Relativizar estes dous problemas, que xa en si son ben distintos pero que cada un conta coa súa parte de gravidade, a cantidades, paréceme demasiado simple.
Por suposto que me preocupan as cotas dos gandeiros, que agora semellan ser a raíz dos problemas de produción de leite. Pero non só é iso. A supervivencia ou ruína das explotacións gandeiras vai moito máis aló. Polo tanto, a solución tamén ten que ser máis ampla.
O mesmo ocorre cos refuxiados. Non será a fin do problema repartir as persoas polos países do mundo adiante en función dunhas porcentaxes que se asignen, non sei moi ben en que termos nin respondendo a que razóns, porque tampouco o quero saber. A cuestión principal está nas guerras que os fan fuxir desa maneira tan desesperada, e aí é onde hai que poñer o remedio. Por suposto, non serei eu quen lles faga unha cambadela na súa fuga. De ningunha maneira. Ao contrario. Teñen toda a miña admiración. Só os heroes son quen de arriscar a propia vida en busca dun futuro mellor, levando a nada como única equipaxe.
A vida é moito máis ca cotas, números, cifras.