A cor rosa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

14 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois si, rosa era unha cor feminina. Cando eu era nova, ou sexa, hai medio século. Dende o berce quedaba claro: os bebés nenos vestíanse de azul e os bebés nenas de rosa. E así seguían toda a vida, máis ou menos.

Ningún rapaz poñía unha camisa rosa, aínda que fose gai; era arriscado de máis. Pero as cousas foron cambiando.

Cando andaba polos vinte anos vin a Luis Miguel Dominguín, que estaba como espectador na praza das Ventas.

Levaba unha camisa rosa, que resaltaba o moreno cetrino da súa pel. Pareceume un dos homes máis guapos que vira nunca, e a camisa un acerto.

Daquela estaba de moda tecer xerséis aos noivos formais, e eu, nun xesto de amor nunca repetido, decidín tecer un rosa.

Á fin, coa axuda de miña amiga Bessie, tecín un beixe. Así estaban aínda as cousas.

Dende o 68 cambiaron radicalmente e os mozos decatáronse de que o rosa vaille moi ben ás peles morenas, aínda que non sexas o guapo torero Luis Miguel Dominguín.

Hoxe, ata os cincuentons barrigudos levan camisas desa cor, pero tamén é certo que a un dos meus netos de cinco anos, os seu compañeiros do cole dínlle que ten un patinete «de nena», porque é de cor rosa.

Experiencias deste tipo fan en certo modo comprensible a reciente polémica sobre a Carreira das mulleres na A Coruña, pero coido que a concellría de Igualdade excedeuse no seu intento de evitar a discriminación das mulleres, aínda que pervivan moitas das antigas ideas sobre o que é ou non feminino.