Coñezo o valor. Vino nos ollos de homes e mulleres que gritan non, día tras día, á dor e á enfermidade e aos diagnósticos que son pinturas negras de Goya, láminas de desespero. Vin o valor en medio do inferno: cando a vida amosa o seu lado máis amargo, e apreta, e non solta, e pretende afogar e afogarte. O valor está tamén agachado nas mans dos que levantan muros contra a pobreza e a indignidade. Está nos que se rebelan contra a inxustiza, lonxe de toda carga política ou rendemento en número de votos e votantes. Na tenrura que non tira a toalla fronte á ira. Coñezo o valor. Reside nos soños que seguimos soñando. Está na coraxe dos que sacan adiante familias, amarrados a iso que chaman salario mínimo interprofesional ou instalados, maldita sexa, na soga do paro. Está o valor nos que se entregan a cambio de case nada, ou nada. Nos que acompañan cando o veleno da tristeza intenta apropiarse, canalla, de ti. Coñezo o valor. Non o encontraredes entre a nómina dos presuntuosos e petulantes, nas aristas da soberbia, nos arrebatos da presunción. O valor, debes sabelo, non ten prezo. O valor é humilde e anónimo mil veces, só ten o nome da esperanza -como unha estrela- cravado na súa fronte. O valor levántase contigo cando queres que te acompañe. Cando soportas o medo, deixas pasar o medo, esqueces o medo no arrabaldos dos olvidos. Cando a vida é unha cobra con dentes de metralla: aí habita o valor que admiro e reclamo. Coñezo o valor. Está no corazón dos que aman e queren amarse fronte ao mundo e as súas miserias. Está na alegría cando a alegría é conxugación imposible. O valor habita en ti. O valor que en verdade vale. Ese que fai da túa vida, pese a todo, un futuro feliz.