Elexía do neno morto

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

04 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Fáloche a ti, Aylan, aínda que o teu nome non importe, convertido como estás en cadáver, vítima, símbolo, refuxiado número tal. Xa non es máis ca un corpo na area, neno morto, e dígocho así, nunha lingua que nunca aprenderás, porque nin sequera che deu tempo de aprender a fala nai. Tampouco has xogar coas mesmas ondas que te tragaron e te cuspiron porque xa eras neno morto e lles deches noxo. Alédate, neno morto, de seres ese corpiño inmóbil, mecido polo mar coma se fose un berce, pois así non terás que ser pobre nin famento, nin paria ou, peor, compadecido. Que sorte tes de non saberes o que é a xustiza porque aos nenos mortos non lles dá tempo de aprender as palabras que non precisan.

Fáloche a ti porque es todos os nenos mortos que quedaron sen foto. Fáloche a ti, en fin, porque quizais creas que, sendo a imaxe coa que almorzamos, poderás volverlle á Vella Europa o que foi de nova. ¡Inocente! ¿Aínda cres que as cousas fermosas nin envellecen nin pasan? Ti tamén pasarás, como pasaron os nenos mortos das moscas roldándolles os ollos grandes; pasarás como pasaron os outros cadáveres do Mediterráneo, e pasarás porque a Europa que soñaches na terra das Mil e Unha Noites é, en realidade, o teu peor pesadelo.

Confórmate, neno morto, de morreres perseguindo un soño. E alédate, en fin, de que por un intre o mar te anainase nas ondas e che cantase o vento a túa canción de berce derradeira. A terra que ti querías esmaga as infancias dos que non son seus fillos para non estragar o espellismo dos seus nenos vivos, eses que xogan felices nestas praias que só acubillan aos nenos alleos cando xa están mortos.