Depende de Beiras

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

25 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A posibilidade dunha candidatura unitaria galega á marxe do bipartidismo que poida garantir un grupo parlamentar no Congreso e no Senado depende, nesta altura, de X. M. Beiras. Despois desta fin de semana de encontros sociais para promover unha lista unitaria ás vindeiras eleccións xerais -encontro cidadán por unha marea galega o sábado e banquete de Conxo 2.0 o domingo- e despois dun mes de accións, declaracións, manifestos e reunións, queda bastante claro que o que vaia acontecer vai depender de modo importante da súa decisión. Esta situación parece contraditoria coa aparición de tantos novos actores e coa importante mobilización social de vontades que se está a producir. Pero unha confluencia de tal magnitude require dun catalizador que é Beiras, porque todos os axentes e os actores deste proceso depositaron nel a lexitimidade do éxito.

Vaiamos por partes. Podemos non pode ter bos resultados en Galicia enfrontado con Beiras e o que el representa; o Bloque, por moito que o intente, non pode construír unha candidatura de unidade nacionalista que delimite os campos de xogo -ese parece ser o seu obxectivo axial- se Beiras e os seus non están nela; Esquerda Unida sabe que non pode explicar o éxito de AGE sen Beiras. Todos lle deron a el a lexitimidade que neste momento atesoura e que se suma á súa longa bagaxe. Podemos imitou o seu estilo e as súas palabras e fixo del unha icona á que Pablo Iglesias quixo asemellar. No Bloque el fixo e protagonizou a experiencia do Proxecto Común na década dos noventa que recentemente reeditou con EU en AGE como alternativa rupturista galega da esquerda.

Cando chegue setembro Beiras dirá algo máis do que dixo até agora, que veu sendo, máis ou menos: que Podemos non podía impor a súa marca ás mareas e que estas agruparon máis e tiveron máis éxito que aqueles; que non ten sentido volver á unidade do nacionalismo porque os tempos e as necesidades son outras; e que aquí en Galicia a confluencia con esta EU foi unha fonte de éxito. Ao longo do mes que ven terá que decidir e iso definirá as precondicións para que haxa unha candidatura das tres polas -Bloque, EU, Podemos- con grande protagonismo social e un arrastre semellante ao das mareas ou dúas candidaturas, unha do Bloque con outros partidos e sectores nacionalistas e outra de Podemos con Beiras e outros sectores sociais do nacionalismo. ¿Que pasaría con EU? Previsiblemente iría aquí en Galicia con Beiras e Podemos.

Neste momento, o principal obstáculo para esta última solución e o principal factor a prol dunha candidatura moi ampla e unitaria é precisamente a cerrazón de Podemos a desprenderse das súas siglas en Galicia. Non vemos a Beiras apoiando -menos aínda encabezando- unha candidatura con centro de decisión nun partido non galego. Vémolo en cambio liderando unha candidatura galega que favoreza un novo Goberno en Madrid, mesmo votando a Pablo Iglesias como presidente. Por outro lado, a lóxica electoral coñecida e as posibilidades de éxito requiren de candidatos con tirón. Os analistas de Podemos sábeno de sobra. Entre o Bloque e Podemos está Beiras e o seu poder de decidir.