Que precisamos para votar polo cambio

Carmen Santos FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Carta aberta a Pablo Iglesias

22 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As galegas e os galegos, como a xente do resto de España, sabemos ben que é crucial cambiar o país e que, de non facelo, o dano que van sufrir as Administracións e o Estado do benestar vai ser irreparable.

Sucede que en Galicia somos xente algo desconfiada: non nos abonda co rexeitamento ao que hai, necesitamos un proxecto que convenza como alternativa de goberno, que nos faga sentir que merece a pena o risco dunha aposta por algo diferente.

A cidadanía movémonos pola confianza e pola emoción que a alternativa proposta nos xera. Ansiamos escoitar persoas que falen no noso idioma, e non me refiro ao galego -nin ao castelán-, senón ao idioma da xente. Que os políticos se comuniquen nos nosos códigos e nos expliquen con claridade as súas ideas, propostas e intencións. Nunca cun vocabulario tan complexo que só acade a entender a mensaxe unha minoría ilustrada.

A xente de Galicia está desexando votar por un cambio político, pero debemos axudarlles a dar o paso definitivo para que confíen en que ese cambio é a mellor opción máis alá do ámbito urbano. Porque, ¿sabes?, hai moita Galicia fóra de Santiago e da Coruña.

Hai pouco, cando dimitín do Consello de Coordinación de Podemos Galicia -ese órgano que nunca se molestou en ter en conta realmente a miña opinión-, diversas persoas preguntáronme que pensaba dunha candidatura galega para as xerais. Tal e como respondín naquel intre, a clave do éxito do cambio político residirá na unión e na xenerosidade.

A xente quere ver nos proxectos políticos a máis persoas da sociedade civil. Esas Manuelas e Adas que nos entusiasmaron. E que en Galicia tamén as hai. Queren ver xente de valía e, sobre todo, queren ver xente que non se mova por intereses persoais, e con solvencia técnica e a integridade moral. Iso é o que xera confianza e ilusión.

Ti fuches quen me sacou da casa en xaneiro do 2014; escoitarte foi un revulsivo tan grande que saín participar por primeira vez en política cando sempre o rexeitara. As persoas que me votaron nos procesos de elección dos cargos internos de Podemos déronme posteriormente a lexitimidade necesaria para representalas. E así foi como me convertín, ante a miña sorpresa, na persoa máis votada e apoiada do partido en Galicia, pese a non ser coñecida nin por militancias previas nin por aparicións televisivas. Toda esta xente deixoume sen escusas e coa obriga moral de sumarme con todas as consecuencias á política activa.

E sen embargo, hoxe en día teño moito medo de que, no balbordo da construción dun partido a contra reloxo, e ante esas teses de converter esta ferramenta transformadora «nunha máquina para gañar», ti ou parte da dirección de Podemos depositara a súa confianza nas persoas equivocadas. Inclusive nalgunha persoa coñecida por ti previamente que estivo ata hai poucos meses na sombra do partido, sen traballar no proxecto, e que na miña humilde opinión é bastante escuro e pouco fiable, xa que non amosa as súas verdadeiras intencións e só apareceu cando asegurou o seu éxito persoal. Temo tamén que nestas présas se tivera esquecido o verdadeiro motivo do cambio. Porque gañar as eleccións non é un fin en si mesmo, senón un medio para devolvernos a dignidade e os nosos dereitos.

As galegas e os galegos queremos que en Madrid se nos escoite e se nos entenda. Que se lle dea voz de verdade ás persoas escollidas por nós. E malia que esas persoas non sexan parte do teu grupo de amigos, se confías en quen a xente confía, xa non dubidarán máis e votarán polo desexado cambio. Do contrario, todo o esforzo pode quedar en nada.

Necesitamos que volva o Pablo Iglesias das europeas para que chegues a ser presidente. Desexo de corazón que así sexa, xa que para min, ao igual que para unha grande maioría, o cambio comezou a través da túa voz.

Pero ti tamén debes escoitarnos ás galegas e galegos de a pé, que non somos nin Beiras, nin Yolanda, nin esa «persoa de confianza» que se move na sombra de Podemos en Galicia.