O outro día escribín sobre as siglas, e agora perségueme a teima polas palabras. Fun tomar un café e ao servirmo deixáronme un petisco doce. «Hand-made», foi a presentación. Levantei a vista do xornal e mirei para o que había no pratiño. Por un momento, temín atopar unha pescada con anisakis, do estraño que me soou a expresión. Pero o meu cerebro xa estaba a funcionar e axiña se decatou de que o tal hand made non era máis ca un feito a man. É dicir, un biscoito da casa. Boa pinta tiña, e saboroso estaba.
Pregunteime, daquela, cando comezara todo este conto dos palabros importados. E pensei no feedback, que ben podiamos chamar retroalimentación. De aí ao flash back non pasou un segundo. Co bonito que sería un «destello do pasado»... Pero non. Dálle que dálle co know-how (tan sinxelo como «saber como», ou coñecemento fundamental). E logo o crowdfunding e o brainstorming, que non son outros que o micromecenado (ou financiamento masivo) e a chuvia de ideas (ou máis literal: tormenta). Cousa bonita de dicir, incluso como «remexido de ideas». ¡Ou rustrido! Non me digan que a busca de ideas creativas non sería máis orixinal bautizándoa así.
Moito lle gusta aos anglosaxóns pegar palabras sen máis, sen complicarse a vida. E imos nós e veña, a copialo.
E falando das súas treboadas, ¿saben o que é o que na súa lingua chaman rainbow? Pois o arco da chuvia, ao que nós dicimos arco da vella. Moito máis orixinal. E con historia detrás. Ah, ¿que non a saben? Non llela vou descubrir. Pregunten, e descubrirán un tesouro.