Non digas que non paga a pena. Que todo é teatro falso, engano e filfa. Hai tantas verdades ao teu redor que a pouco que abras os ollos, os ollos do corazón, encontrarás mil motivos para a felicidade. Por exemplo, a min catívame a tenrura. Os homes e as mulleres collidos da man. As caricias repartidas nun banco do parque. Os bicos. Non digas que este agosto é un agosto repetido, porque cada segundo minuto día é diferente. Pensa en clave de luz. Non propoñas metas máis alá do presente. Pensar en presente é enganar aos malos futuros. Non digas que estás no túnel, aínda que esteas. Que non hai saída ao labirinto, aínda que te sintas perdido neste perdido mundo de vaidade e soberbia. Non digas que non te queren, aínda que esteas só. A soidade pasa. Como pasan os anos malos, os meses en que todo parece negro, os momentos en que alegría é un bandido en busca e captura. Non digas non cando queiras dicir si. Cando a mediocridade aprete, acose e intente derrubarte, levanta un muro inquebrantable e férreo. Non digas que sempre ganan os mesmos. É mentira. Rebélate contra a ditadura da ordinariez. Non permitas que rabuñen e arrebaten a túa tenrura. A tenrura, ese tesouro que non se compra nin se vende. Reparte o que teñas dentro, o que garda o recendo feliz dos bos tempos. Repártete como es, sen máscara. E non digas que todos son iguais. Non digas que os lobos son máis e poderosos e impíos. Non digas que saquearon o paraíso. Que non queda un lugar precioso no que amarrarte e sobrevivir: felizmente. Non digas non podo máis. Podes. E debes. Non digas que a tristeza é unha condena: todas as condenas teñen final. Non digas que non paga a pena. Continúa. Continúa. Continúa.