Siglas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Isto da economía, e en concreto, do aforro, estanos afectando en todos os aspectos. Ata na linguaxe. E neste caso, non me refiro a volvernos máis agresivos a través dela, que tamén, porque cando os apuros son de certa magnitude... ata os sapos e as serpes saen pola boca. Falaba da economía da linguaxe, e non só nas mensaxes que enviamos polas redes cibernéticas, que chegaron a traspasar papeis, falo dos nomes que se lles dá ás cousas.

FMI, UE, COI, BCE, OMS, Unesco... moita sigla para poder entendérmonos e falar deles con familiaridade. Faise moi frío, así é imposible coller confianza, e mentres non se ten, as cousas non flúen como deberan. Ovni, uci, web, wifi. Son fáciles ou difíciles. ¿Axilízannos a vida, ou fannos pensar máis? Cando as dicimos... ¿traducimos o seu significado real? ¿Entenderiamos mellor do que estamos a falar se en lugar de abrevialo coas siglas materializásemos o nome completo?

E os nenos... ¿dan pronunciado OMS? Seguramente, do mesmo xeito que din bang, plin, ups.

Debe ser que eu son das que non só sabía os nomes dos cans da aldea: Cuqui, Peixiño, Atós, Carrizo... Tamén os da egua e cabalo que houbera na casa: Linda e Cortavientos. Ata as vacas tiñan o seu nome: Roxa, Marela, Rubia, Margarita... Lembro que unha amiga tivera un burro ao que lle chamaban Arriquitaun.

Os nomes deben ser claros, limpos, transparentes... O das siglas sempre me pareceu un aforro de enerxía e un xeito de ocultarse. Por iso, as siglas, para lonxe. Na proximidade, mellor sen carautas.