Coa Cidade da Cultura seguimos condenados a galeras. O peso para o erario público de lousas, pedras, cristais, ferros, luminarias e xerentes fundacionais supón unha carga só soportable baixo o disfrace de cifras millonarias de visitantes e grandiosos acontecementos. O mesmo se anuncian eventos astronómicos, ou exposicións magníficas que van marabillar a autóctonos e foráneos, pero que rematan en noites nubradas e autocares de pensionistas en busca do túmulo de don Manuel.
As últimas ideas dos que gobernan son de viñeta para o día do cómic. Van por unhas árbores para referencia de poetas mortos e converter unha focha de auga nun lago tibetano. Mentres, deixamos morrer de fame aos nosos vates vivos e aquí mesmo, a día de hoxe, mantense pechada a piscina do Complexo Xuvenil As Mariñas por falta de mantemento, deixando a centos de rapaces dos campamentos de verán en secaño. Seguro que cando estes nenos medren poderán ir navegar ao Gaiás, polas augas que algún visionario plaxiador xa terá convertido en estanque do Retiro.
Un monumento absurdo só pode acoller burradas. E téñense presentando moitas nestes anos. O malo é que custan cartos. Dende un alcalde que propuña realizar a final da copa Davis entre a baleira biblioteca e o museo de obras prestadas a prezo de ouro, ata un preboste compostelán que mantiña como destino ideal do complexo, pasar a ser a sede central do Circo do Sol. Macrocemiterio para todos os galegos, sede para olimpíadas gastronómicas ou torreiro permanente de verbenas. Foron ideas disparatadas con titulares de prensa e fanáticos defensores.
Outro dos mellores destinos que pode ter a Cidade da Cultura é converterse en campo de traballo para políticos solventes, que teñan ou tiveran algo que ver con tan bendito lugar. Qué bonito sería ver a Pérez Varela e Carmiña Burana picando pedra, ou a Ánxela Bugallo e Quintana a limpar lousas e bancos. E xa a felicidade completa sería ter a Rajoy e a Nuñez Feijoo empoleirados nos ventanais dándolle lustre aos cristais.
Se de burradas falamos, por qué non darlle cabida nos espazos diáfanos ás grandes solucións e pretendidas causas dos incendios, prantexadas polos responsables da loita contra os lumes. Alí estarían o macrotanque de Carlos del Álamo listo para rozar Galicia enteira, os dous paracaídas incendiarios atopados por Romay Beccaría, proba absoluta de mafiosos ennegrecidos, e os miles de reservistas voluntarios cos que Suárez Canal pensaba vixiar toxo por toxo os nosos montes. Por suposto nunha furna blindada, como estrela da exposición, podería contemplarse a mangueira coa que un intrépido Nuñez Feijoo apagou lumes históricos. Nada que ver co caseto de telas confeccionado recentemente para acoller un Murillo.
A solución final vai ser pór un tractor, unha vaca e un paisano da parroquia de Leira, en Ordes, para que os visitantes poidan interactuar con estes especímes que poboaron Galicia no século pasado, e que solo van existir en parques e xardíns deses que tanto gustan deseñar dende os gabinetes de conselleiros e presidentes faltos de luces e de solucións con sentido común.