Centos de artigos se teñen escrito sobre a Cidade da Cultura, centos de horas de televisión, de radio, e non é estraño que cando recibimos convidados sigamos a escoitar frases do tipo: «Pois nada disto sabía» ou «Agora me entero de que tamén no Gaiás facedes isto». A Cidade da Cultura abriuse ao público no 2011. Case cinco anos despois, seguen a ser moitos os que a coñecen principalmente a través da imaxe que se proxecta nos medios, unha imaxe ás veces centrada nos lados máis polémicos, pero que impide ter unha visión completa do que se está a facer.
¿Coñecen os lectores que a día de hoxe na Cidade da Cultura traballan máis de 400 persoas? ¿Que existe un centro de emprendemento onde 200 emprendedores están a impulsar 100 proxectos empresariais? ¿Que o número de visitantes non deixou de medrar desde a súa apertura ao público (de 331.000 aos 448.000 visitantes do 2014)? ¿Que os seus espazos arquitectónicos acolleron 320 eventos de empresas, institucións e colectivos sociais? ¿Que a Biblioteca de Galicia preserva copias de todos cantos libros se publican en galego, por autores galegos ou sobre Galicia? ¿Que desde o Gaiás se xestiona a Administración dixital da comunidade? ¿Que a Cidade da Cultura acolleu eventos internacionais como o Womex, unha das feiras de música máis grandes do mundo? ¿Que se teñen organizado exposicións con obras procedentes de museos como o MoMA de Nova York, o Musée d?Orsay de París, o Victoria & Albert de Londres ou a Galería dos Uffizi de Florencia?
A Cidade da Cultura foi concebida en 1999 cun obxectivo. Os quince anos transcurridos desde entón teñen producido cambios moi profundos en Galicia e a Cidade da Cultura tomou decisións para adaptarse. Axustou o rumbo. Consideramos que non abondaba con traballar no eido da cultura, que os galegos nos demandaban impulsar o emprendemento, a creación de empresas, a transformación dixital, o apoio á tecnoloxía. Atrás queda a paralización dos edificios pendentes, a aprobación do Plan Gaiás, o traslado de servizos da Xunta para optimizar o uso dos edificios, a captación de patrocinios para financiar as actividades culturais? É certo: a Cidade da Cultura non é o que se pensou en 1999, pero cremos que o que hoxe é responde mellor ás necesidades dos galegos.
A Cidade da Cultura traballa agora no bosque de Galicia, un espazo verde de lecer no monte Gaiás con máis de seis mil árbores de especies autóctonas e no plan de humanización, que inclúe un xardín literario, parques infantís, e unha saída aos baleiros dos edificios pendentes; proxectos que farán máis amable o Gaiás, e que o achegarán a Santiago e, desde aí, a Galicia e a todo o mundo.
Non é o obxectivo deste artigo debuxar un panorama perfecto. Somos conscientes dos problemas e sabemos o que simboliza aínda o Gaiás para algúns, pero nesta folla de ruta non hai espazo para o pesimismo nin para a resignación. Miramos cara a adiante con ilusión e realismo, evitando debates en bucle do pasado, convencidos de que a nosa responsabilidade é que esta infraestrutura -xa construída, xa pagada-aporte cada día máis a Galicia.