Aínda que os soños non se cumprisen e as promesas resultasen mentira. Aínda que só sexas a sombra da árbore, vizosa e fértil, que eras. Non tires a toalla. Sempre haberá un punto para renderse, o derradeiro. Pero queda tempo. Debes deixar que aparezan novos soños e promesas. Arrimarte aos que perseveran no hábito da ilusión. Escribir con tinta china nas paredes, pintada como grafiti feliz, a palabra indispensable: esperanza. Aínda que os amores fosen breves cando querían ser eternos. Aínda que as trampas da actualidade conseguisen algunha vez incluírte na nómina dos seus seguidores, para levarte despois ao báratro negro da decepción. Aínda que falten caricias e sobren cicatrices. Persevera, insiste, continúa. Este trece de agosto tes moitos motivos para dar un salto mortal contra todo desencanto, serpe enguruñada que quere enroscarse no teu adentro. Galicia convértese estes días no país das marabillas: luces e máis luces. Non hai vila sen a súa festa e non hai casa que non teña sobre a mesa de diario un licor para compartir. Persevera, insiste, continúa. Aínda que o sol pareza unha bombilla incapaz de iluminar os teus ollos, antes alegres e vivos. Aínda que quede lonxe a cidade do cálido mar azul. Aínda que cantar, bailar, rir sexan verbos desaparecidos do teu vocabulario. Aínda que no último minuto, de penalty inxusto, ganasen o partido. Haberá outro partido por ganar. Ningunha derrota importa máis que este trece de agosto, presente de indicativo de alegrarse. Iso, pois. Alégrate. Sobe na noria que dá voltas arredor do gozo. E intenta gozar, regozar, regozarte. Aínda que os soños non se cumprisen e as promesas resultasen mentira. Persevera, insiste, continúa.