O individuo que degolou ás súas fillas para vingarse da ex muller dera suficientes mostras dun carácter violento incontrolado. Nunha ocasión atacou a doutora que o atendía na Seguridade Social, intentando estrangulala. A intervención de médicos e pacientes evitou que o ataque rematase en morte. Hai unha denuncia sobre este feito. A súa tendencia estranguladora xa se manifestara coa súa muller á que, ante testemuñas, agarrou polo colo. Separáranse de mutuo acordo, por manter el unha relación homosexual, que seguía vixente no momento do crime. Malia ese suposto acordo, ameazara a súa ex muller con facer dano ás nenas. A relación cos seus veciños tamén era mala; organizaba festas nas que a música era demasiado forte e non atendía ás peticións de rebaixar o volume, o que provocou incidentes... En fin, non era o pai ideal ao que entregar unhas nenas sen ningún control e creo que había razóns abondo para que un xuíz lle negase o dereito a convivir coas súas fillas. Non é un caso único. A experiencia demostrou que o maltratador utiliza os fillos para seguir maltratando a muller. O caso Bretón, que os queimou nunha fogueira, está aínda na memoria de todos. Os xuíces deberían considerar que un maltratador o é a tempo completo, foino convivindo coa súa muller e ségueo sendo cando se separan. Concederlles o dereito a ver a soas aos fillos é poñer a estes en grave riscos de que os utilice para seguir facendo dano á muller. ¿Cantos nenos terán que morrer aínda para que a lei os protexa de pais maltratadores?