Míster Papá

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

07 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A beleza, ¿está contraindicada coa paternidade? Iso parece, segundo o certame, rancio, rancio, de Miss e Míster Universo no que o guapísimo gaditano que é Míster España non poderá demostrar que, despois de Felipe el Hermoso, aínda hai lugar para que un español sexa o home máis guapo do mundo. A historia, enriba, ten tons dramáticos, pois Alejandro Nieto é pai dun neno con cancro ao que dedica toda a súa plenitude corporal. Non se me escapa que, á marxe da estupidez que se destila das bases do concurso, a Míster España e ao seu fillo enfermo lles virían moi ben os cartos que se derivan da participación nos eventos deste tipo, pero non me digan que non é para levar á Corte Penal Internacional á organización, esa entidade extracorpórea que tanto fomenta o sexismo, a anorexia e agora, polo visto, a extinción da especie.

Escandalizámonos habitualmente cando estas cousas afectan ás mulleres, pois nos meten o dedo nunha ferida ben sensíbel, a mesma pola que sangran os nosos corpos posparto, afastados ad aeternum do canon de beleza. Pero esta historia tristeira do gaditano guapo demostra ata que punto o mundo da moda, o luxo, e quizais o sexo como negocio, fomentan vidas hilarantes. Por certo, convídoos a que busquen as bases de Miss e Míster Universo e as garden na caixa dos cantos á discriminación: a non admisión de nais e pais parece unha parvada comparada coa exclusión de transexuais, casados, divorciados e mulleres que estiveran embarazadas nalgún momento. ¿E non hai un xuíz Garzón disposto a pedir a prohibición inmediata deste certame? Pois para min, que lle queren, o meu guapo marido cos nosos bebés no colo paréceme unha imaxe supersexy.