A lingua dos cabalos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

04 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un incidente lingüístico nun centro hípico, despois desmentido, dá para falarmos da «lingua dos cabalos». Galicia é terra de equinos por clima, pasteiros, dispersión poboacional... O seu idioma ofrece unha vasta gama de termos e ditos sobre un animal doméstico de luxo. Sabedoría e beleza hai no de «quen queira cabalo, ten que estralo», imposible de traducir con precisión e rima ao castelán. Da fala patrimonial do país sérvense os afeccionados ao cabalo con usos tradicionais: excursións, descubertas dun mundo cheo de liberdade. Forman clubs enxebres para cultivaren o gozo simbiótico do humano e a besta (nada hai coma levantar bandos de gaivotas a galope sobre unha praia baleira en inverno).

Nas tres últimas décadas medrou en Galicia a afección polo salto a cabalo (que deostan os xinetes de paseo por nel veren «martirizar o mellor escravo do home»). A especialidade esixe perseveranza e grandes gastos, aos que maioritariamente se entregan rapazas da burguesía. Nesa faixa social os espellismos miméticos son Madrid e Inglaterra; ignórase o mundo chique da hípica no Brasil, que fala á luso-galega. As galeguiñas saltadoras imitan acento e xiros madrileños, e devecen por imitaren os de Londres. Por iso, cando unha colega lles fala galego, saltan: velaí o resultado de tantos lustros de bilingüismo harmónico.