Refuxios

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai días nos que é imposible atopar acougo. O aire cheira a fume, e na alma tamén hai un curruncho queimado. Convertería as páxinas do xornal en cinza, pero non serve de nada, porque a noticia seguiría existindo, e toda a dor causada, tamén.

As preguntas, a incomprensión, azóutanme. Simplemente, non podía ser. Fallamos. Como sociedade. Non sabemos protexer o futuro, a inocencia, os corazóns limpos e indefensos.

Paso as páxinas con moita rapidez e infinita ansiedade, como se deixando atrás as liñas que describen unha acción fóra do raciocinio que non podo nin describir volvese a normalidade. Pero a cousa non mellora moito. Accidentes, vidas truncadas... problemas, problemas, e máis problemas... Pero ningún chega á dimensión dun crime coma o que nos encolle o corpo enteiro.

¿Onde refuxiarnos? Non existe un lugar que nos calme. Quizais, esa última hora do día, cando se pon o sol, aló ao lonxe... no lugar da infancia. Onde a memoria se relaxa e todo atopa o seu sitio. Onde o desánimo se eslúe na liña do horizonte.

Pero non. Hoxe nin os lugares máxicos me ofrecen paz. Porque hoxe xa é tarde. E corróeme a inxustiza tan grande de que xa non haxa un mañá para dúas pequenas, de que non exista o futuro para elas porque o seu pai así o decidiu, do xeito máis cruel que poidamos imaxinar, porque é impensable.

Un futuro que se fará eterno para a súa familia, sen dúbida. Un tempo que non se detén e que irremediablemente terá que vir. El será precisamente quen se encargue de non dar acougo, nin refuxio. Ten memoria.