O verán, ademais de ser un tempo marabilloso para todos aqueles que teñen vacacións, tamén é un fito na historia do día a día. Si, algo semellante ao comezo do ano, cando todos facemos propósitos novos que acaban por perderse.
Pois ben, no medio, sempre atopamos un reforzo de boas intencións, e estas chegan co verán. De súpeto, collemos lapis, papel... e veña lista. A maior parte destas conteñen dieta, deporte, visitar os amigos, a familia, poñer en orde o armario, as fotografías, a casa...
Non me gustan moito as listaxes, confésoo (eu son de memorizar as prioridades no interior e ir cumprindo o máis axiña posible), pero este ano dei con varias que me fixeron sorrir: as propostas de lectura. Se para ler un libro, un ten que poñelo nunha lista, tamén me vale. Ata está de moda que nos vaian aconsellando libros por semana, e incluso xogos que segundo os nosos gustos, indican a lectura axeitada sen fallo.
Con todo, a que namorou foi a que fixo unha nena de dez anos que, en función do tempo de lecer, escolleu os dez títulos a descubrir ou reler. Reler, aos dez aniños! Penso seguir sendo anárquica neste sentido, e abrir as tapas dos libros todos que me regalen, ilusionada, e tamén entrar nas librarías e deixarme levar, polo tema, a sensación, o autor, o título... o que me pida o corpo.
Estou segura de que, quen aprenda a amar as historias, aínda que sexa a partir de listas de compromiso, acabará deixándose ir polo seu olfacto máis dunha vez ao escoller un libro dun andel. Por iso sorrío.