Santiago Carrillo entraba en España sen máis camuflaxe que o luxoso Mercedes do seu amigo Teodulfo Lagunero e a espantosa perruca que lle fixera en París o perruqueiro de Picasso. Aquel postizo máis debería chamar a atención sobre el que ocultalo, pero ninguén o recoñeceu; e cando o 10 de Nadal de 1976, quince días antes do referendo da Lei para a Reforma Política, celebrou en Madrid unha rolda de prensa clandestina, colleu ao Goberno por sorpresa.
Logo do congreso do PSOE, Carrillo soubo que o PCE estaba completamente só na procura da legalización, e quixo forzar ao Goberno presentándose a uns setenta xornalistas, ante os que quitou a perruca e declarou que os comunistas «no pretendían dar vuelta a la tortilla»; estaban pola reconciliación nacional e querían participar nas primeiras eleccións democráticas. Ao ser detido o día 22, volveu quitar a perruca, deulla ao inspector de policía e díxolle:
-Tenga, yo ya no la necesito.
Vinte anos despois, nun encontro ante a prensa que simbolizaba a convivencia das dúas Españas, o ministro Mayor Oreja devolveulla e Carrillo aceptouna; pero en privado rexeitouna porque non era a súa.
A auténtica apareceu en Alcalá de Henares, no 2009.