Non vou ser capaz de escribilo. Pouso os dedos sobre o teclado, e non podo premer as letras que deberan explicar esta historia. Hai atrocidades que custa dixerir, e logo, contar.
Todo aquilo que ten que ver con nenos, inocentes por esencia, tócame a alma. E estes días, vou máis que servida. Leo que un cativo acaba morrendo despois de loitar no hospital tras sufrir malos tratos por parte dos seus proxenitores. Pero como pode ser isto? Aínda hai atrocidades así? Non o podo crer.
Separan poucos días esta nova do titular que conta como rescatan (case nun milagre) a un pequeno que fora guindado nun contedor de lixo. Este tivo mellor sorte, aínda que o camiño que lle queda agora por percorrer, non vai ser sinxelo.
Penso que hai cousas ben duras, e por se fose pouco, vén de xeárseme a alma ao coñecer certas prácticas que pensei non existían nin na ficción. As guerras son tan terribles que chegan a obrigar a participar nelas a rapaces que aínda non chegaron a mozos. No Estado Islámico non é unha novidade, pero de aí a conseguir que estes pequenos soldados sexan capaces de xuntar nos seus corpiños a coraxe, frialdade e violencia necesarias como para acabar coa vida doutra persoa, a sangue frío, mirándoo fixamente se fai falla... vendo como se lle vai a vida nas súas mans...
Quedo sen palabras. E ao final si o dei escrito, pero aínda me custa asimilar o que lin e agora dixen. Nin sequera son quen de imaxinalo sen pechar os ollos.
Non podo.
Hai atrocidades que exceden calquera límite.