A grandeza

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

02 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai nada máis útil que as cousas que non serven para nada. Contemplar as nubes corricando polo ceo, como cabaliños de mar, outorga en ocasións maior felicidade que a suba vertical da túa conta bancaria. A saúde, na que pensamos cando desaparece, é a única riqueza relevante. Procuramos a grandeza nos modelos que o sistema propaga: éxito, ganar, triunfar, vender, producir; pero a verdadeira grandeza non ten nada que ver co diñeiro. Coñezo xente feliz que só se preocupa polo tempo que vai facer mañá. Ir á viña, ou sementar, regar, recoller a froita das árbores. E coñezo xente infeliz que se levanta con millóns de beneficios cada xornada. Felices escoitando sonatas, en casa, cun libro entre as mans. E outros infelices que teñen ao seu dispor todas as teclas que poden cambiar a economía dun país, a súa política e estruturas. O único éxito é ser feliz. Non é a primeira vez que escribo esta frase de xoves. Nunca cansarei de escribila. É un bálsamo contra aqueles que queren homologarnos a todos. Pensar igual, sentir igual, ambicionar o mesmo. ¿Acaso existe unha ambición máis linda que a paz ou o sosego? ¿Acaso non pasa o tempo, e o destino, para todos? A grandeza reside onde só ti poidas emocionarte con ela. A grandeza das cousas que non serven para nada. Propoño o canto dos paxaros en paseo vespertino pola beira do río. O ruído das ondas cos pés descalzos rabuñando a auga do mar. Un bico. Dous bicos. A música. Os abrazos que dás e os que pensas recibir. Os recibidos. A grandeza, cómplice de xoves, é menos grande do que algúns pensan. Escríbese con fíos finísimos sobre a tea do presente. Para ser grande hai que aprender a amar o pequeno: as cousas que non serven para nada.