Ao límite

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Non me gusta nada vivir ou andar ao límite. De ningunha cousa, pero o que menos, ao límite de forzas. Con todo, hai moitas cousas máis que me merecen certa folgura. Pensaba nisto despois de vivirmos nestes días unha grande e intensa actividade política, na que puiden observar distintas actitudes e posturas, algunhas das que me resultaron ben curiosas.

A saída de certos alcaldes ou alcaldesas deume moito que pensar, pero a chegada doutros cargos ao trono... non quedou atrás. A alcaldía da cidade de Lugo, a presidencia da deputación da mesma provincia, o dilatado investimento de Susana Díaz, ou o de Cifuentes... Non todos acabaron segundo o previsto nos primeiros momentos. E por que? Por camiñar no límite das normas, da legalidade, do tempo. Coma tantas veces, agardando ao último minuto. E así non se fan as cousas, cando menos ben. Facer, fanse, xa se viu que si, pero os cidadáns agardamos outro estilo, outro xeito, outra transparencia... outra responsabilidade.

Que é iso de candidatos inamovibles que no último minuto dimiten? Ou aqueles que votan cousas estrañas? Ao final imos acabar pensando (e non queriamos tal) que a política ten máis ao servizo propio que ao público. Quizais é que se trata dun xogo con regras complicadas que non entendo, porque non entro nel.

Fáganme caso. Hai verdades universais. E os límites, mellor lonxe, coma os das leiras. Ou é que non lles dan medo os marcos, que seica se moven sos? Cousas das meigas, dique. Pero... tal parece na política ás veces.