Dramático centro

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

01 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1984, ninguén pensou que o nome do noso teatro nacional, Centro Dramático Galego, acabaría sendo un mal agoiro: tres anos despois da última crise, o seu director, Manuel Guede, dimite. Como é sabido, Guede xa fora director do CDG durante 14 anos, e o conselleiro Vázquez volveu confiarlle a institución, un encargo velenoso que outros, menos botados para adiante, non aceptaron. Dirixir institucións culturais en tempos de crise, recortes e poucas vontades políticas require temeridade e experiencia, dúas cousas que el tiña e empregou para manter a flote o teatro público desde unha convición que xa caracterizara o seu anterior mandato e que en tempos de crise vén ben: o valor institucional e identitario do CDG.

É case imposíbel xestionar o día a día dun servizo público sen verdadeira vontade política de crer nel. É máis: non se pode xestionar un espazo de funcionamento tan afastado da Administración sen autonomía, e o CDG precisa desde 1984 ese estatuto propio que lle permita funcionar á marxe da burocracia administrativa, o cal non significa á marxe da Lei, aínda que Feijoo, que si crea outros entes autónomos, así tentase facérnolo crer. Así que, ante a imposibilidade práctica de producir espectáculos coa lóxica organizativa, laboral e financeira propia das producións teatrais, o futuro CDG pinta mal: o vindeiro director será un organizador de eventos producidos por outros. Que triste e dramático destino para un teatro nacional!

Pero é evidente que ninguén quere resolver unha situación que, máis ca o drama, beirea o absurdo. E non é que Guede sexa imprescindible, pero salvoulle a cara á política teatral de Feijoo nos últimos tres anos. E iso ten mérito.