Necesitei varios días, o que é poñer distancia, para escribir con certa obxectividade, aínda que cando un é parte interesada ou afectada, o corazón sempre acaba entrando no campo da razón.
Falaba a nova de profesións (enxeñeiros de camiños, notarios, arquitectos...) que foran de elite agora vivían no mileurismo. En xeral, rexeito ese termo, pois considero que todos somos necesarios para que o mundo xire cada día, e o faga con xeito. Cada un, no seu. Pero o certo é que me vin reflectida. Non comparto a idea de que se cobren soldos desorbitados, sexa cal for a profesión que desenvolvan. Pero si creo que hai tarefas que requiren esforzo, sacrificio e sobre todo, responsabilidade, da que se corresponde con salvagardar vidas. Nese sentido, creo firmemente en que debe existir unha compensación económica, amais doutras máis.
A realidade non é esa. Coñezo varios compañeiros que non teñen traballo, e outros que fan moitas horas ao día, e a fin de semana, gardas, dispoñibilidade nocturna... e cobran o mínimo que marca a lei, sen contemplar estes «excesos». Os subordinados, por certo, si o perciben. ¿Por que os técnicos non?
Hoxe, créanme, ter traballo é case unha lotaría, pero telo cun soldo decente... o premio gordo. Hai quen traballa só por encher unha liña de experiencia, e optar a outros cargos, sen remuneración.
Cae a elite. ¿E que? ¿Cren que iso ten relevancia? Igual nunca debeu existir. É todo moi relativo. Pero o que non ten volta é que o traballo ten que ser digno.