Final de curso

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

24 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O final de curso supón, en especial para os alumnos que superan agora todas as materias, una excesiva ruptura co hábito de estudo que dura case tres meses. No noso país as vacacións de verán son demasiado longas, a pesar de terse reducido moito a finais do próximo pasado século. O curso para secundaria empezaba despois do San Froilán, é dicir, a mediados de outubro, e remataba nos primeiros días de xuño. Cada vez hai maior acordo en que parte do descanso estival debería repartirse ao longo do ano, como ocorre en países veciños, permitindo entón reducir días lectivos en cada trimestre. Nunca foi doado levalo á práctica, pois pesan razóns en contra coma o cansazo de final de curso, o excesivo calor ou a conciliación da vida laboral e familiar. Non obstante considero que, coa próxima desaparición da selectividade e o novo calendario universitario, sería posible, polo menos, finalizar as clases o último día de xuño e empezalas o primeiro de setembro.

O verán asóciase pola maioría dos estudantes cunha etapa de absoluta inactividade intelectual. Craso erro. Custou moito tempo e esforzo adquirir hábitos de lectura, concentración e memorización, que se perderán facilmente con esta actitude. Sen embargo, cun mínimo tempo diario de traballo intelectual sería posible mantelos, para que o principio de curso non supuxese un tempo perdido para todos. Chega con reservar a décima parte da xornada activa, é dicir, unha hora e media, para ler, repasar e reforzar capacidades e coñecementos. O resto do día, nada menos que 12 ou 13 horas, poden dedicarse ao ocio que cada un prefira.

O mesmo que ocorre cun deportista que quere manter a forma física, é moi importante que a actividade intelectual se faga con pracer. O único obxectivo desta non pode ser o exame e o aprobado, senón tamén a propia formación e cultura, que se conseguen cunha permanente curiosidade e afán de saber. O que se aprende á forza xerará ansiedade e esquecerase pronto. As tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ofrecen unha boa ferramenta para conseguir, nas vacacións estivais, esa motivación para aprender. Hai máis tempo para perfeccionar a competencia dixital e buscar na Rede a información que interese. O peor é converter as TIC nun fin que teña como únicos obxectivos navegar sen rumbo, pasar a maior parte do tempo nas redes sociais, xogar ou wasapear. Por suposto que tamén se pode dedicar un tempo a estas actividades, pero no marco dunha boa planificación da xornada e sempre que esta se cumpra.