A máis arrepiante versión da liorta na que morreu o seguidor do Deportivo en Madrid, antes do partido de liga que o equipo galego iba a disputar contra o Atlético, o pasado mes de novembro, é a que aparece agora nas conversacións de WhatsApp de dous participantes de 17 anos. Un di que deron «un palizón a un tío «e que o «rebentaron».
Outro fala de alguén que se colgara da ponte para esconderse, pero «ao moi subnormal víanselle as mans?, e entón empezáronlle a rebentar botellas na cabeza e a darlle puñazos, ata que perdeu o coñecemento e caeu ao río.
Entón lárganse a un bar. E saca conclusións: «El puto respeto que nos hemos ganado hoy, vamos, que ahora mismo somos como los putos dioses».
E conclúe: «Vamos, qué bien, entretenida la mañana».
A violencia, a crueldade, o desprezo pola vida humana, a indiferenza ante as consecuencias dos seus actos, poñen os pelos de punta.
Só lle preocupa que a policía se incautou da súa porra, que era prestada, e se ofrece a comprarlle outra ao amigo que lla deixou.
A referencia a «os deuses» tróuxome á memoria a teoría de Susana Tamaro sobre a perigosa influencia dos videoxogos na formación de nenos e adolescentes.
Ela pon en relación a escalada de violencia coa proliferación dese tipo de entretementos.
Non son o único factor, dende logo, pero eu tamén creo que algunha responsabilidade teñen Thor e outros «deuses» do universo Marvel.
E, sobre todo, os pais que permiten e ata favorecen que seus fillos estean moitas veces expostos a esa constante exhibición de violencia.